martes, 25 de febrero de 2014

O dereito a decidir: unha loita continua

Co debate social da reforma da Lei do Aborto tan presente na sociedade española estes últimos meses, non podíamos tardar máis tempo en manifestar a nosa opinión sobre tan grande violación dos dereitos humanos no blogue da RQX.

O Ministerio de Sanidade publica no ano 2011 que máis de 118.000 mulleres decidiron interromper o seu embarazo e o 89,6% delas fíxoo sen alegar ningunha causa, acolléndose ó prazo de aborto libre que permite abortar en España ata as 14 semanas de xestación. Este sistema maioritario en Europa (excepto nalgúns países como Malta, Irlanda ou Polonia) vai ser desmantelado polo goberno de Rajoy, para desgraza de todas as mulleres,  de todas e todos os cidadáns deste país. O señor Gallardón xa anunciou que a nova lei seguirá un modelo similar, aínda que máis restritivo, á vixente desde 1985 ata 2010, que facía do aborto un delito salvo en tres situacións: violación, risco para a saúde da nai ou anomalía fetal. Este é o modelo que levaría ás máis de 100.000 mulleres que abortan ó ano en España por causas económicas, sociais, (ou simplemente porque non lles peta ter un bebé e PUNTO) a non poder facelo.

A presión que a cidadanía exerza é moi importante para frear o incesante recorte dos dereitos humanos que estamos sufrindo en España, xa que polo que parece, ós políticos antiabortistas do goberno obsesiónalles respectar o sagrado da vida pero só desde o momento en que os bebés son concebidos ata que nacen e saen do hospital. Despois bórranos da súa lista de prioridades e que se apañen ás mulleres co que lles toque pasar. Non fai falla recalcar moito que a axuda á dependencia é outra falacia máis do goberno de Rajoy, e as demais axudas que da o Estado son rídiculas en comparación co que supón para unha muller que unha panda de  políticos machistas e represores cambien o destino da súa vida desde a comodidade dos seus despachos.

O aborto é unha decisión persoalísima na vida dunha muller e o feito de que un político, xuíz ou lexislador tome partido no asunto ou intente influír nel é simplemente inaceptable. Noxento. A que vai ter o fillo son eu, a que vai ter que solucionar os problemas que veñan despois son eu, non eles, e polo tanto NON acepto as súas leccións de moralidade e de respecto á vida, se eles non respectan a miña. Eu xa nacín, eu si son unha persoa.

Nos somos pro aborto pero tamén somos pro vida, xa que subscribímonos ó concepto férreo de que o propósito de ter unha lei do aborto adaptada a este século XXI no que vivimos non é matar nenos, senón salvar mulleres.

A ministra de exteriores sueca Birgitta Ohlsson dicía nunha entrevista que o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo é un dereito humano básico. Por iso, de ningún xeito debemos permitir que un asunto que nos pertence de forma tan persoal, sexa usado como trampolín de políticos cincentos que avogan en favor dos dereitos dos non nacidos para conseguir os votos dos xa nacidos, pero non moi iluminados, e por ende, manipulables.

¡Manteñan os seus rosarios e os seus prexuízos misóxinos fora dos nosos ovarios e das nosas vidas!



Cristina de Vierna Fernández

No hay comentarios:

Publicar un comentario