miércoles, 12 de marzo de 2014

“Rede EQUO Xove (RQX) animará aos cidadáns a descubrir e cambiar Europa no seu acto de presentación pública”

- “O 80% das leis veñen de Europa, e afectan a cada un dos mozos e mozas galegos”, destaca Roberto Carro, membro da RQX en A Coruña.
- “Queremos que a xente saiba que a súa participación é necesaria, que implicarse e acudir ás urnas é fundamental. Hai que exercer o dereito ao voto”.


A organización política Rede EQUO Xove Galicia dase a coñecer á xuventude galega co seu primeiro acto público oficial, o cal suporá un paso máis na consolidación do partido verde EQUO en Galicia. “Europa, emprego e xuventude” é o lema baixo o que se celebra dito acto, no que aproveitarán para presentarse, explicar de forma sinxela como camiña Europa na actualidade e plantexar propostas concretas que a Rede, EQUO e o Partido Verde Europeo queren implantar.

En palabras da RQX, a alternativa verde ten moitas aportacións que ofrecer en ditos temas, e agora si hai unha voz verde clara a nivel español, EQUO. “É unha charla-coloquio na que non só exporemos unha serie de conceptos, senón que escoitaremos, valoraremos e comunicaremos ao partido as ideas que nos lancen os cidadáns que acudan ou participen a través de Internet”, afirman os membros da RQX.

Este acto realizarase o día 17 de marzo ás 19 horas na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Ademais, para todos aqueles que queiran gozar deste acto pero non poidan acudir presencialmente, poderá seguirse a través dun streaming, cuxo enlace figurará nas webs de EQUO Galicia e da RQX con anterioridade á charla. Incluso poderán formularse preguntas, dúbidas e propostas dende a rede social twitter co hashtag #PreguntaRQX. “Canto máis xente participe, máis debate e ideas poderemos sacar deste acto”, comentan dende Rede EQUO Xove.



A RQX Galicia é o referente xuvenil de EQUO Galicia, sexta forza política na comunidade. A RQX basea a súa acción política nuns piares básicos como son a Ecoloxía Política, a Democracia Participativa e os Dereitos Humanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario