Stephanie, Qumaira, Ruth... Non, non se está nomeando a ningunha rapaza,
senón aos enormes temporais que azoutaron Galicia nos últimos días cunha forza
a veces devastadora. As árbores caídas, os desbordamentos de ríos, danos en
infraestruturas en zonas costeiras e demais desfeitas fannos ver que a natureza
ten forza de sobra para arrasar co que se propoña. Pero, e se imos máis aló e o
vemos cunha óptica máis simbolista?
Hai poucos días, desvelábanse
relacións entre cargos do concello da Coruña coa trama de corrupción da
“operación Pokemon”. E non só a cidade herculina está implicada, posto que,
presuntamente, os ramais desta rede se estenden tamén a cidades como Ourense ou
Santiago de Compostela. Polo que vemos, existe unha certa complicidade incluso
entre partidos de distinta cor á hora de realizar este tipo de actividades
corruptas.
Do outro lado no mapa do estado
e noutro nivel no que se inclúen persoas pertencentes á familia real,
atopámonos co “caso Nóos”, tendo como protagonista actual indiscutible á
infanta Cristina. Neste caso, inclúense incluso gobernos rexionais que
financiaban os “proxectos” propostos polo home da infanta de forma totalmente
irregular.
No nivel máis alto, o que afecta
ao propio goberno central, vemos como o partido do goberno (PP) tamén ten a súa
propia trama corrupta con sobresoldos e manipulacións propias de mafiosos,
chegando incluso a estar conectada con outra rede corrupta (se non ser a
mesma), tamén coñecida como “caso Gürtel”.
Os cidadáns ven con bos ollos
todo isto? Imposible. Sen embargo, semella que o malestar non sae dos debates
na televisión ou das conversas no bar. Se ben é certo que unha persoa se pode
ver saturada con tanta mala información diaria, a indignación non pode quedar
nun simple “son todos uns ladróns”. Para que este tipo de actitudes non sexan
normais no noso país, temos a obriga como cidadáns de acabar con toda
corrupción.
Unha persoa que le o xornal, ve
as noticias ou escoita a radio, e se decata de todo isto, pode pensar “e eu que
podo facer para rematar con isto?”. Pois ben, a participación cidadá na vida
pública é o primeiro gran alicerce para rematar coa corrupción. Un cidadán que
non vota a listas electorais nas que hai corruptos, está loitando contra a
corrupción. Un cidadán que participa da vida política do seu concello e
denuncia as irregularidades, está loitando contra a corrupción. Un cidadán que
pide transparencia, acceso á información, que pide unha democracia
participativa e que busca a verdade, realmente está loitando contra a
corrupción.
Se a cidadanía indignada se
preocupa pola súa vida pública; aquela que nos afecta a todos para mellor ou
para peor; se involucra, denuncia, reclama e aporta, funcionará como unha
cicloxénese cuxos ventos arrastrarán a corrupción e cuxa choiva limpará as
institucións, devolvéndolle aos cidadáns o que é seu: a verdade.
Iago Hermo Martínez
No hay comentarios:
Publicar un comentario