Chámome Roberto e teño 21 anos. Os meus compañeiros da Rede Equo Xove,
tanto a nivel galego como federal, teñen todos menos de 30 anos. Somos novos, xente
nova que estudamos as nosas carreiras, FP ou similar e que pretendemos saír ao
mundo exterior con ilusión, frescura, un sorriso e ganas de comer o mundo.
Sen embargo, polo menos no meu caso, que aínda estou a rematar a carreira,
non queda nin un gramo da mencionada ilusión, porque foi substituída por unha
sensación de incerteza e temor. As cifras e os datos falan por si mesmos:
Na imaxe exposta a continuación podemos observar os feitos que están a
dificultar a inserción dos xoves no mercado laboral español, dende o aumento da
idade de xubilación á reforma laboral que non cumpre ningún dos obxectivos para
cos mozos que prometía.
Podemos sumar todo isto a que hai sectores nos que se fai imposible
conseguir un traballo estable, pois a inversión en I+D é cada día máis baixa,
as artes son tomadas polo pito do sereno, as ansias dos emprendedores afogan
entre os mil e un pagos e trámites para levar as súas ideas a novas dimensións…
Moitas iniciativas e protestas xurdiron en torno a isto, como a de “Non nos
vamos, bótannos”, de “Xuventude sen futuro”, aludindo ao exilio forzoso ao que
moitos se ven obrigados. O diario Público, nunha publicación do 3 de marzo do
pasado ano, recolleu dita situación:
“Segundo datos do INE, en 2012, foron 302623 os mozos e mozas de entre 15 e
29 anos de nacionalidade española, que residen noutros países, mentres que en
2009 eran 242154, sen contar a todos os emigrantes que non se apuntan nos
consulados, a meirande parte no caso da xente nova. Estímase que cada semana
emigran varios miles. A realidade, pois, é que hai unha xeración que medrou nos
tempos da bonanza económica, aos que se lles pintou un futuro moi prometedor.
Sen embargo, a día de hoxe atópanse con que só lles quedan traballos precarios
e paro.”
É dicir, queren botarnos do país. Que gañan eles? Baixar as cifras do paro,
entre outras cousas. E, grazas a unha aparente medida que entrou pola porta
traseira, eliminar da sanidade pública aos que leven fóra de España máis de 90
días. Antes pretendían que saísemos ao exterior, eramos a “mocidade
aventureira” para que volveramos coas maletas cheas de saber para contribuír ao
desenvolvemento do país. Agora, quítannos un a un os dereitos fundamentais para
que nin sequera podamos volver.
No seguinte enlace pódese ler dita información:
Debemos dicir que membros do Partido Popular afirmaron que á súa volta, os mal chamados
aventureiros e en xeral todos os españois terán cobertura sanitaria dende o
minuto un, pero… É realmente iso o que di o BOE? Están unha vez máis xogando
con nós? Por que tantas dificultades, e por que o agocharon?
Dende a Rede Equo Xove, en definitiva, lamentamos profundamente esta
situación á que nos están a levar as constantes e infrutuosas medidas de
austeridade impulsadas por un Goberno mentireiro e profundamente incompetente.
A posibilidade de ter un futuro non debería ser algo que os xoves tiveran que
pedir, pois, como toda persoa, gustaríanos poder acceder a unha vivenda nun
futuro, a unha vida independente, a non ter que vivir ata os 40 anos dependendo
duns país ou avós aos que se lles recortan/conxelan uns salarios e pensións que
non son coma chicle, pois teñen límite.
É así como a frase de Salvador Allende
“Ser novo e non ser revolucionario é unha contradición ata biolóxica” cobra
máis sentido se cabe. Teremos pois a xente nova unha oportunidade?
Roberto Carro Vázquez
No hay comentarios:
Publicar un comentario