Estamos máis que afeitos a velo,
non é nada novo. Cando un país sofre unha crise como a que está vivindo o noso nos últimos anos,
atopámonos con que un dos sectores que máis afectados se ven polos recortes e
certas actitudes hostís é o do mundo da cultura.
Se nos fixamos na historia de España e
Galicia, vemos que sempre tivemos un país atrasado. Estilos, correntes, ideas e
pensamentos que xurdían e se expandían por Europa, tardaban décadas en chegar
ao noso país. Aínda que tamén cabe destacar o feito de que este foi un país
historicamente inestable no político, no económico e no social, polo que o
florecemento da cultura non semellaría moi viable.
De tódolos xeitos, dende o final do
franquismo, e pasada a transición, asistimos a un “rexurdimento” da cultura.
Constrúense museos, bibliotecas, auditorios e teatros para cubrir as
necesidades de formacións musicais, arquitectos, artistas, e sobre todo, un
público cun apetito cultural en aumento. Pero tamén houbo excesos (unha
minoría). Por poñer un exemplo que ilustre esta burbulla, abondará con
mencionar a Cidade da Cultura, no Gaiás, para darnos conta de cantos cartos se
chegaron a tirar absurdamente por actitudes megalómanas dos nosos dirixentes
políticos.
Esquecendo os excesos, podemos observar
que, grazas a este florecemento cultural no país, outros ámbitos, sobre todo
relacionados coa educación, foron brotando paralelamente. Se non fose pola
aparición das escolas de arte, os conservatorios e escolas de música, os grupos
de teatro e demais, seguramente non veriamos tantos artistas de aquí expoñendo
no estranxeiro, tocando nas mellores orquestras do mundo ou facendo un traballo
importantísimo: difundir a cultura no país.
Vendo que a sociedade, aínda que non
suficientemente, amosa un crecente interese pola cultura e a súa industria, que
pasa cos políticos?
Con ver
a hemeroteca e ver frases ditas por ministros, e con repasar as medidas que
levan a cabo no eido cultural, vemos que existe na nosa clase dirixente unha
especie de rexeitamento da cultura. Como podemos considerar amantes da cultura
e xente preocupada pola mesma a persoas que a relegan a un mero entretemento,
que a critican sen ter unha opinión formada (coma Montoro co cine español), que
din que temos demasiadas orquestras, e que suben o IVE cultural ata o 21%?
Froito disto atopámonos cun sector
profundamente danado. Un sector que aporta aproximadamente o 4% do PIB, que da
traballo a máis de medio millón de persoas e que sirve para estruturar a
sociedade, e non soamente coma un entretemento. Non hai máis ca ver os datos. Por
poñer un exemplo, dende o ano 2008 ao 2012, as artes escénicas viron diminuír
as funcións nun 26.9%, a asistencia un 31.4% e a recadación un 20.2%. Podémonos
permitir que un sector que aporta tanto ao conxunto da cidadanía, teña que
sufrir uns ataques tan brutais?
Queda moito por resolver no ámbito
cultural. A lei Sinde-Wert, a esperada lei de mecenado, a presenza practicamente
nula da cultura no sistema educativo (e menos aínda coa nova LOMCE), o IVE, as
dificultades para poder levar a cabo proxectos innovadores e cunha gran
potencialidade… En fin, unha gran lista que non fai máis que destruír a un
sector que podería absorber unha cantidade importante de persoas, e sobre todo
mozas e mozos, que actualmente están sen traballo.
A sociedade debería reflexionar sobre a
función da cultura no noso mundo. Imaxinemos un mundo sen música, sen arte, sen
literatura, sen linguas, sen cine, sen teatro… Exercitemos a nosa creatividade
ante os ataques dos que non teñen imaxinación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario