Hoxe, día 1 de decembro de 2013, convocáronse protestas en diversas cidades de Galicia contra a sentenza do "Prestige", tal e como recollen varios medios de comunicación (http://www.cadenaser.com/espana/articulo/miles-personas-manifiestan-mais-sentencia-prestige/csrcsrpor/20131201csrcsrnac_4/Tes)
Pero poñámonos en antecedentes. O desastre do Prestige aconteceu un 13 de novembro de 2002, 11 anos atrás, cando este petroleiro, portador de 77000 toneladas de fuel, afundiu fronte á Costa da Morte, concretamente a 250 km dela. Isto deu lugar a unha das maiores catástrofes medioambientais, non só a nivel galego, senón a nivel europeo e na historia da navegación. A marea negra provocada estendeuse ao longo de Portugal, Galicia e Francia. A nivel económico, supuxo o terceiro accidente máis custoso da historia, superando os 12000 millóns de dólares.
A tripulación formábana 27 persoas ademáis do capitán, Apostolos Mangouras, mariñeiro grego de 67 anos, que substituía a Efstrapios A. Kostazos, quen renunciara á viaxe polo mal estado do barco. Tres hipóteses xurdiron como causa do accidente, unha expresada polo propio capitán (un golpe externo a causa duns troncos que outro barco perdera do seu cargamento). Por outro lado, o desprendemento de pranchas do casco do buque era tamén posible. A terceira e máis aceptada foi que a rotura de casco era causa da fatiga dos materiais ante os envites do mar. O barco, como dixera Kostazos, atopábase en moi mal estado; fora reparado sen moito éxito en dúas ocasións (unha en China, onde era necesaria substituir 1000 toneladas de aceiro e só foron substituidas 282) e fora sancionado en Nueva York e Rotterdam por erros de seguridade. A Asociación Española de Operadores de Productos Petrolíferos vetárao. Segundo declaracións do director técnico da armadora grega Universe Maritime, o destino do barco era ser despezado, pero fóralle encomendada unha última viaxe. Efectivamente, foi a última.
O impacto medioambiental da marea negra, como xa se mencionou, foi tremendo, afectando a diversas localidades e paraxes, por exemplo, o Parque Nacional das Illas Atlánticas en Galicia (capitaneado polas Cíes). Estimouse que a vida mariña sufriría durante dez anos cando menos, alternando acumulacións tóxicas co envelenamento de plancto e efectos canceríxenos ou mutaxénicos. O número de aves afectadas estímase sobre unhas 250000. A nivel mariño, moitos animales apareceron varados na costa. As actividades pesqueiras e marisqueiras víronse seriamente comprometidas. O impacto social e sobre a saúde humana foi enorme tamén, polo que as medidas de seguridade para os voluntarios de limpeza eran fundamentais, desaconsellando estas labores a embarazadas ou persoas con enfermidades respiratorias crónicas.
A cronoloxía dos feitos pódese ler detidamente na páxina mesmo da Wikipedia, onde as dúbidas e decisións non fundamentadas tomaron o mando. O goberno do momento, capitaneado por Aznar, Rajoy (e Fraga a nivel galego) defendeu a xestión desenvolvida. Algunhas das frases máis controvertidas, tanto deles como doutras persoas ou colectivos, foron as seguintes:
"Trátase de manchas localizadas" ou "Saen uns pequenos fíos, catro en concreto, regueiros con aspecto de plastilina" Mariano Rajoy (Novembro e decembro de 2002).
"Indingación dos traballadores de RTVE polo tratamento informativo dos contidos acerca da catástrofe, cando os informativos da Televisión e Radio públicas negaron e ocultaron os danos causados, así como as gravísimas repercusións. Sentimos a necesidade de pedir perdón." Comité de traballadores de RTVE.
"... as dificultades que o Goberno Central e a Xunta de Galicia están poñendo por diante aos xornalistas para informar sobre as circunstancias do accidente..." Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
"A falta de implicación dende o primeiro momento de Manuel Fraga, Carlos del Álamo, Jaume Matas, Álvarez Cascos, Aznar ou Mariano Rajoy" Diversas entidades. Cabe destacar que Fraga marchou de caza, o ministro de fomento Cascos esquiaba en Serra Nevada... Fraga acudiría oito días despois da catástrofe, e Aznar non acudiría ata un mes despois e só para un período de 3 horas.
"O rumbo errático que seguiu o petroleiro remolcado, e o descoñecemento dos ventos e correntes dominantes do noso mar, sorprenden pola grande ineptitude alcanzada polo responsable de dar ordes" Colectivo de Xeógrafos da USC.
Unha vez visto todo isto, o proceso xudicial foi moi moi longo, de 11 anos, con 5 xuices involucrados da Audiencia Provincial de A Coruña. Como acusados figuraban, dos múltiples que calquera puidera imaxinar, o capitán, o xefe de máquinas, outro mando do buque e o exdirector da Marina Mercante Xosé Luís López Sors. O 13 de novembro resolveuse todo cunha única condena, a do capitán, por desobediencia grave ás autoridades españolas (9 meses de prisión). O petrolero endexamais debeu recibir os permisos para navegar, e as autoridades españolas non conseguiron definir e poner no banquiño aos responsables por esta banda (American Bureau of Shipping, Universe Maritime, etc). 30 foron os millóns de euros que España tirou polo retrete intentándoo.
Dende a Rede Equo Xove observamos isto coa máxima das indignacións. Como galegos, como activistas, como reivindicadores, como defensores do medio ambiente, como xente solidaria que coñece e recoñece o esforzo dos tantos voluntarios e voluntarias que viñeron a Galicia (e de Galicia) a limpar un chapapote do que non tiñan culpa ningunha. ¿Asunción de responsabilidades? Para nada. ¿Erros? De outros. O Estado Español quedou totalmente liberado de culpabilidade, incluido o director da Mariña Mercante, considerado víctima dun desastre que tratou de solventar. É a primeira vez que o Estado queda eximido de toda responsabilidade penal e civil ante un accidente causado por un petroleiro en augas españolas. Para o tribunal, houbo "falta de rigor na xestión administrativa e formal desta crise, pero non se demostrou que tivese incidencia no agravamento de catástrofe". "Todas as decisións foron conscientes, meditadas e en gran parte eficaces dentro do desastre, foi xestionado todo con profesionalidade".
Nunca Máis (plataforma nacida trala catástrofe), a Xunta, a fiscalía... recorrerán a sentenza. Só Aznar é optimista, argumentando que a manipulación á que foi sometida o goberno caeu ao chan. Saquemos cada un as nosas propias conclusións.
Por parte da Rede Equo Xove tamén nos preguntamos se se están a tomar as medidas necesarias para que unha catástrofe natural destas características non volva acontecer. ¿Serviron para algo estes once anos, tódalas catástrofes anteriores? ¿Hai xente especializada e preparada para a xestión destas crises? A cidadanía galega sigue en pé, maniféstase e tanto nós como EQUO Galicia estamos aí, defendendo o que é noso fronte ás guerra de intereses á que sempre está supeditado o medio ambiente. Porque sempre acaba pagando aquel que non pode defenderse, temos que defendelo máis que nunca os que podemos. Os que podemos e queremos, claro está.
Roberto Carro Vázquez
No hay comentarios:
Publicar un comentario