martes, 25 de febrero de 2014

O dereito a decidir: unha loita continua

Co debate social da reforma da Lei do Aborto tan presente na sociedade española estes últimos meses, non podíamos tardar máis tempo en manifestar a nosa opinión sobre tan grande violación dos dereitos humanos no blogue da RQX.

O Ministerio de Sanidade publica no ano 2011 que máis de 118.000 mulleres decidiron interromper o seu embarazo e o 89,6% delas fíxoo sen alegar ningunha causa, acolléndose ó prazo de aborto libre que permite abortar en España ata as 14 semanas de xestación. Este sistema maioritario en Europa (excepto nalgúns países como Malta, Irlanda ou Polonia) vai ser desmantelado polo goberno de Rajoy, para desgraza de todas as mulleres,  de todas e todos os cidadáns deste país. O señor Gallardón xa anunciou que a nova lei seguirá un modelo similar, aínda que máis restritivo, á vixente desde 1985 ata 2010, que facía do aborto un delito salvo en tres situacións: violación, risco para a saúde da nai ou anomalía fetal. Este é o modelo que levaría ás máis de 100.000 mulleres que abortan ó ano en España por causas económicas, sociais, (ou simplemente porque non lles peta ter un bebé e PUNTO) a non poder facelo.

A presión que a cidadanía exerza é moi importante para frear o incesante recorte dos dereitos humanos que estamos sufrindo en España, xa que polo que parece, ós políticos antiabortistas do goberno obsesiónalles respectar o sagrado da vida pero só desde o momento en que os bebés son concebidos ata que nacen e saen do hospital. Despois bórranos da súa lista de prioridades e que se apañen ás mulleres co que lles toque pasar. Non fai falla recalcar moito que a axuda á dependencia é outra falacia máis do goberno de Rajoy, e as demais axudas que da o Estado son rídiculas en comparación co que supón para unha muller que unha panda de  políticos machistas e represores cambien o destino da súa vida desde a comodidade dos seus despachos.

O aborto é unha decisión persoalísima na vida dunha muller e o feito de que un político, xuíz ou lexislador tome partido no asunto ou intente influír nel é simplemente inaceptable. Noxento. A que vai ter o fillo son eu, a que vai ter que solucionar os problemas que veñan despois son eu, non eles, e polo tanto NON acepto as súas leccións de moralidade e de respecto á vida, se eles non respectan a miña. Eu xa nacín, eu si son unha persoa.

Nos somos pro aborto pero tamén somos pro vida, xa que subscribímonos ó concepto férreo de que o propósito de ter unha lei do aborto adaptada a este século XXI no que vivimos non é matar nenos, senón salvar mulleres.

A ministra de exteriores sueca Birgitta Ohlsson dicía nunha entrevista que o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo é un dereito humano básico. Por iso, de ningún xeito debemos permitir que un asunto que nos pertence de forma tan persoal, sexa usado como trampolín de políticos cincentos que avogan en favor dos dereitos dos non nacidos para conseguir os votos dos xa nacidos, pero non moi iluminados, e por ende, manipulables.

¡Manteñan os seus rosarios e os seus prexuízos misóxinos fora dos nosos ovarios e das nosas vidas!



Cristina de Vierna Fernández

jueves, 20 de febrero de 2014

Decidamos entre todas e todos

Polas declaracións de certos políticos, parece que a algúns lles molesta que a militancia dos partidos (e tamén o resto da cidadanía) decida os e as representantes do partido nas listas electorais, e por tanto, os deputados.

Basta con botar unha ollada a partidos de esquerda. Un caso que  chama bastante a atención é o caso de Alberto Garzón, que nun artigo publicado en La Marea di que ‘as primarias que son un invento liberal’.


Por outra banda, baróns socialistas como Ibarra tachan as primarias de disparate:


O certo é que non resulta raro escoitar isto dun partido que organiza primarias cun candidato (Andalucía) ou que intenta impoñer candidatos do aparato (Trinidad Jiménez en Madrid).

Cómpre percatarse que Ibarra foi número un da lista do PSOE extremeño durante anos e Alberto Garzón encabezou a lista de IU por Málaga nas últimas xerais. Quen decidiu isto non o sabemos, pero seguro non foron os militantes directamente.

Para algúns partidos como EQUO as primarias non son unha estratexia, senón a nosa razón de ser. Se os partidos fórmaos a militancia, esta debe decidir. Pero non só a militancia, senón tamén a sociedade: falamos de primarias abertas porque os partidos deben abrirse á sociedade. A nosa forma de facer política non ten sentido se non a practicamos na nosa casa. EQUO é un exemplo de rexeneración democrática e de democracia radical.

En EQUO pensamos que as formas son o fondo. Ese é o motivo da nosa insistencia nas primarias, que dende a fundación de EQUO no 2011 se levan facendo en todas as convocatorias, con naturalidade, xa é algo básico. Equidade é que todas as persoas teñan as mesmas posibilidades.

Non só ás candidaturas, senón outros órganos internos. Calar a militancia é unha práctica ben asentada en partidos como o PP, que non se prantexan outro método de elección de candidatos que o dedazo.

A esquerda ten que entender que as primarias abertas achegan os partidos á cidadanía e xeran debate. Elixir ás persoas que os van representar é un exercicio de escoita, participación e transparencia.  EQUO é o único partido estatal que fai primarias para todos os procesos electorais, e non só para escoller o cabeza de lista (como UPyD) senón para a lista completa. Precisamente agora estamos nun novo proceso de Primarias; a segunda volta para escoller o noso cabeza de lista ás Europeas dos que falaremos noutro artigo.


A diferencia principal de EQUO (e outros partidos que fan primarias) cos vellos partidos é que non consideramos as Europeas coma una cemiterio de elefantes; di Cañete ou Arenas  no caso do PP e Elena Valenciano, Pepe Blanco ou Valeriano Gómez no socialista. Onde algúns partidos ven o Parlamento Europeo como unha institución na que podamos cambiar Europa, outros veno coma un perfecto retiro para ex-alcaldes ou ex-ministros. 

Paga a pena que a sociedade participe na política cotiá porque sen esta retroalimentación de ideas e de persoas, seríamos un partido máis.


Así pois, primarias, primarias, primarias! 

Pablo Otero

lunes, 10 de febrero de 2014

Cicloxénese... climática ou política?

     Stephanie, Qumaira, Ruth...  Non, non se está nomeando a ningunha rapaza, senón aos enormes temporais que azoutaron Galicia nos últimos días cunha forza a veces devastadora. As árbores caídas, os desbordamentos de ríos, danos en infraestruturas en zonas costeiras e demais desfeitas fannos ver que a natureza ten forza de sobra para arrasar co que se propoña. Pero, e se imos máis aló e o vemos cunha óptica máis simbolista?
     Hai poucos días, desvelábanse relacións entre cargos do concello da Coruña coa trama de corrupción da “operación Pokemon”. E non só a cidade herculina está implicada, posto que, presuntamente, os ramais desta rede se estenden tamén a cidades como Ourense ou Santiago de Compostela. Polo que vemos, existe unha certa complicidade incluso entre partidos de distinta cor á hora de realizar este tipo de actividades corruptas.
     Do outro lado no mapa do estado e noutro nivel no que se inclúen persoas pertencentes á familia real, atopámonos co “caso Nóos”, tendo como protagonista actual indiscutible á infanta Cristina. Neste caso, inclúense incluso gobernos rexionais que financiaban os “proxectos” propostos polo home da infanta de forma totalmente irregular.
     No nivel máis alto, o que afecta ao propio goberno central, vemos como o partido do goberno (PP) tamén ten a súa propia trama corrupta con sobresoldos e manipulacións propias de mafiosos, chegando incluso a estar conectada con outra rede corrupta (se non ser a mesma), tamén coñecida como “caso Gürtel”.
     Os cidadáns ven con bos ollos todo isto? Imposible. Sen embargo, semella que o malestar non sae dos debates na televisión ou das conversas no bar. Se ben é certo que unha persoa se pode ver saturada con tanta mala información diaria, a indignación non pode quedar nun simple “son todos uns ladróns”. Para que este tipo de actitudes non sexan normais no noso país, temos a obriga como cidadáns de acabar con toda corrupción.
     Unha persoa que le o xornal, ve as noticias ou escoita a radio, e se decata de todo isto, pode pensar “e eu que podo facer para rematar con isto?”. Pois ben, a participación cidadá na vida pública é o primeiro gran alicerce para rematar coa corrupción. Un cidadán que non vota a listas electorais nas que hai corruptos, está loitando contra a corrupción. Un cidadán que participa da vida política do seu concello e denuncia as irregularidades, está loitando contra a corrupción. Un cidadán que pide transparencia, acceso á información, que pide unha democracia participativa e que busca a verdade, realmente está loitando contra a corrupción.

     Se a cidadanía indignada se preocupa pola súa vida pública; aquela que nos afecta a todos para mellor ou para peor; se involucra, denuncia, reclama e aporta, funcionará como unha cicloxénese cuxos ventos arrastrarán a corrupción e cuxa choiva limpará as institucións, devolvéndolle aos cidadáns o que é seu: a verdade.

Iago Hermo Martínez