jueves, 23 de enero de 2014

ESTAFA ELÉCTRICA

 A Comisión Europea é consciente da situación económica e ambiental que estamos atravesando. O cambio climático é evidente nos fenómenos naturais extremos que veñen ocorrendo nos últimos anos, e da crise económica e social mellor nin falemos. Por iso, Bruxelas puxo como obxectivo para 2020 que as enerxías limpas tiveran un peso do 20% sobre a enerxía total.

 Non so o fan por amor ao noso planeta, senón tamén porque saben que a competitividade industrial está fortemente condicionada pola dependencia enerxética e os custes da enerxía, é dicir, apostan polas enerxías renovables e polo autoconsumo como medida para abaratar o custe enerxético.

 Mentres tanto en España, que podería ser o paraíso das enerxías limpas, o Goberno fai todo o contrario. A última reforma eléctrica levada a cabo polo goberno e a supresión das primas e subvencións a este tipo de enerxías supoñen un forte golpe para o autoconsumo e o desenrolo das enerxías renovables no noso país. Dentro dun marco lexislativo inestable en permanente cambio en función dos intereses duns poucos, os grandes inversores deixan de ver con bos ollos o noso país como lugar para facer realidade os seus proxectos. Ademais disto, o Goberno fai inviable economicamente o autoconsumo enerxético coa imposición dun “peaxe de respaldo” que impide que podamos autoabastecernos cun pequeno muíño de vento ou con placas solares nos teitos das nosas casas ou urbanizacións como fan moitas persoas ante a implacable subida da luz.

 Diversos estudios da APPA (Asociación de Produtores de Enerxías Renovables) sosteñen que as enerxías renovables supoñen un gran aforro enerxético a un estado no que o 80% da súa enerxía depende do exterior. Así, as enerxías renovables abarataron o prezo do mercado eléctrico o ano pasado en máis de 4.000 millóns de euros. Produciron un aforro de 32.538 millóns de euros no sistema eléctrico estatal como consecuencia da súa entrada no mercado diario entre 2005 e 2012. A todo isto hai que sumarlle a importancia que teñen as enerxías renovables na balanza enerxética para reducir o impacto das importacións de residuos fósiles, e o aforro derivado de evitar emisións de CO2 valorado en 3.095 millóns de euros.(Datos extraídos de evwind.com e estudio da APPA)

 Con esta información parece indubidable a importancia que deberían ter as enerxías renovables con respecto ás súas competidoras obsoletas e contaminantes, as enerxías fósiles tradicionais. Pois ben, as medidas do Goberno para impedir o desenvolvemento das enerxías limpas teñen a súa razón de ser.

 Cada día que pasa as instalacións solares e eólicas, tanto a gran escala como para o pequeno consumidor, son máis rendibles. Se a isto lle sumamos que a luz duplicou o seu prezo nos últimos cinco anos é lóxico pensar que cada vez hai máis consumidores domésticos que se propoñen producir a súa propia enerxía cunha pequena célula fotovoltaica ou un muíño de vento. Nalgúns países regulouse legalmente esta situación para que os produtores domésticos puideran verter a súa enerxía sobrante na rede eléctrica. Esta enerxía sobrante pode ser vendida ao noso veciño e facturada pola súa compañía eléctrica e á vez descontada da nosa factura, xa que actuariamos como produtores ou xeradores de enerxía.

 Esta medida fomenta o autoconsumo, a responsabilidade sobre a enerxía, diminúe a dependencia enerxética e a factura da luz do consumidor doméstico sen custar un so euro nin ao pequeno consumidor nin á compañía eléctrica. Parece que todos saímos beneficiados por esta medida mais se esta situación se xeneralizara no noso país os beneficios das eléctricas reduciríanse de maneira moi considerable.

Nun exemplo que podemos atopar no blogue (r)Evolución Energética (http://heliosyeolos.blogspot.com.es/search?updated-max=2012-12-05T15:44:00%2B01:00&max-results=5)  amósase como cunha simple instalación dunha célula fotovoltaica nunha casa andaluza poderiamos aforrar en 25 anos a cantidade aproximada de 30.000 euros na nosa factura da luz!! Se nunha soa casa as perdas da compañía serían desa magnitude, fagan as súas contas se isto se estendera por todo o territorio español. Os beneficios para os cidadáns serían substanciais, mais as eléctricas verían o seu oligopolio duramente atacado.

 Este aforro doméstico na luz obviamente non é do agrado das eléctricas, e por extensión tampouco o é dos políticos mafiosos e corruptos que nun futuro non tan afastado gozarán de avultados salarios como asesores destas empresas, que a beneficio delas e en detrimento da economía do país e do cidadán de a pé, impiden levar a cabo unha práctica sostible e saudable para a economía e para o medio ambiente.

                                                                                                                           Adrián Martínez Rey

domingo, 12 de enero de 2014

XUVENTUDE 2.0

Chámome Roberto e teño 21 anos. Os meus compañeiros da Rede Equo Xove, tanto a nivel galego como federal, teñen todos menos de 30 anos. Somos novos, xente nova que estudamos as nosas carreiras, FP ou similar e que pretendemos saír ao mundo exterior con ilusión, frescura, un sorriso e ganas de comer o mundo.

Sen embargo, polo menos no meu caso, que aínda estou a rematar a carreira, non queda nin un gramo da mencionada ilusión, porque foi substituída por unha sensación de incerteza e temor. As cifras e os datos falan por si mesmos:



Na imaxe exposta a continuación podemos observar os feitos que están a dificultar a inserción dos xoves no mercado laboral español, dende o aumento da idade de xubilación á reforma laboral que non cumpre ningún dos obxectivos para cos mozos que prometía.



Podemos sumar todo isto a que hai sectores nos que se fai imposible conseguir un traballo estable, pois a inversión en I+D é cada día máis baixa, as artes son tomadas polo pito do sereno, as ansias dos emprendedores afogan entre os mil e un pagos e trámites para levar as súas ideas a novas dimensións…

Moitas iniciativas e protestas xurdiron en torno a isto, como a de “Non nos vamos, bótannos”, de “Xuventude sen futuro”, aludindo ao exilio forzoso ao que moitos se ven obrigados. O diario Público, nunha publicación do 3 de marzo do pasado ano, recolleu dita situación:
“Segundo datos do INE, en 2012, foron 302623 os mozos e mozas de entre 15 e 29 anos de nacionalidade española, que residen noutros países, mentres que en 2009 eran 242154, sen contar a todos os emigrantes que non se apuntan nos consulados, a meirande parte no caso da xente nova. Estímase que cada semana emigran varios miles. A realidade, pois, é que hai unha xeración que medrou nos tempos da bonanza económica, aos que se lles pintou un futuro moi prometedor. Sen embargo, a día de hoxe atópanse con que só lles quedan traballos precarios e paro.”

É dicir, queren botarnos do país. Que gañan eles? Baixar as cifras do paro, entre outras cousas. E, grazas a unha aparente medida que entrou pola porta traseira, eliminar da sanidade pública aos que leven fóra de España máis de 90 días. Antes pretendían que saísemos ao exterior, eramos a “mocidade aventureira” para que volveramos coas maletas cheas de saber para contribuír ao desenvolvemento do país. Agora, quítannos un a un os dereitos fundamentais para que nin sequera podamos volver.
No seguinte enlace pódese ler dita información:


Debemos dicir que membros do Partido Popular afirmaron que á súa volta, os mal chamados aventureiros e en xeral todos os españois terán cobertura sanitaria dende o minuto un, pero… É realmente iso o que di o BOE? Están unha vez máis xogando con nós? Por que tantas dificultades, e por que o agocharon?

Dende a Rede Equo Xove, en definitiva, lamentamos profundamente esta situación á que nos están a levar as constantes e infrutuosas medidas de austeridade impulsadas por un Goberno mentireiro e profundamente incompetente. A posibilidade de ter un futuro non debería ser algo que os xoves tiveran que pedir, pois, como toda persoa, gustaríanos poder acceder a unha vivenda nun futuro, a unha vida independente, a non ter que vivir ata os 40 anos dependendo duns país ou avós aos que se lles recortan/conxelan uns salarios e pensións que non son coma chicle, pois teñen límite. 

É así como a frase de Salvador Allende “Ser novo e non ser revolucionario é unha contradición ata biolóxica” cobra máis sentido se cabe. Teremos pois a xente nova unha oportunidade?

Roberto Carro Vázquez