martes, 24 de diciembre de 2013

Cultura contra todo pronóstico

Estamos máis que afeitos a velo, non é nada novo. Cando un país sofre unha crise como a  que está vivindo o noso nos últimos anos, atopámonos con que un dos sectores que máis afectados se ven polos recortes e certas actitudes hostís é o do mundo da cultura.

      Se nos fixamos na historia de España e Galicia, vemos que sempre tivemos un país atrasado. Estilos, correntes, ideas e pensamentos que xurdían e se expandían por Europa, tardaban décadas en chegar ao noso país. Aínda que tamén cabe destacar o feito de que este foi un país historicamente inestable no político, no económico e no social, polo que o florecemento da cultura non semellaría moi viable.

      De tódolos xeitos, dende o final do franquismo, e pasada a transición, asistimos a un “rexurdimento” da cultura. Constrúense museos, bibliotecas, auditorios e teatros para cubrir as necesidades de formacións musicais, arquitectos, artistas, e sobre todo, un público cun apetito cultural en aumento. Pero tamén houbo excesos (unha minoría). Por poñer un exemplo que ilustre esta burbulla, abondará con mencionar a Cidade da Cultura, no Gaiás, para darnos conta de cantos cartos se chegaron a tirar absurdamente por actitudes megalómanas dos nosos dirixentes políticos.

      Esquecendo os excesos, podemos observar que, grazas a este florecemento cultural no país, outros ámbitos, sobre todo relacionados coa educación, foron brotando paralelamente. Se non fose pola aparición das escolas de arte, os conservatorios e escolas de música, os grupos de teatro e demais, seguramente non veriamos tantos artistas de aquí expoñendo no estranxeiro, tocando nas mellores orquestras do mundo ou facendo un traballo importantísimo: difundir a cultura no país.

      Vendo que a sociedade, aínda que non suficientemente, amosa un crecente interese pola cultura e a súa industria, que pasa cos políticos?
Con ver a hemeroteca e ver frases ditas por ministros, e con repasar as medidas que levan a cabo no eido cultural, vemos que existe na nosa clase dirixente unha especie de rexeitamento da cultura. Como podemos considerar amantes da cultura e xente preocupada pola mesma a persoas que a relegan a un mero entretemento, que a critican sen ter unha opinión formada (coma Montoro co cine español), que din que temos demasiadas orquestras, e que suben o IVE cultural ata o 21%?

      Froito disto atopámonos cun sector profundamente danado. Un sector que aporta aproximadamente o 4% do PIB, que da traballo a máis de medio millón de persoas e que sirve para estruturar a sociedade, e non soamente coma un entretemento. Non hai máis ca ver os datos. Por poñer un exemplo, dende o ano 2008 ao 2012, as artes escénicas viron diminuír as funcións nun 26.9%, a asistencia un 31.4% e a recadación un 20.2%. Podémonos permitir que un sector que aporta tanto ao conxunto da cidadanía, teña que sufrir uns ataques tan brutais?

      Queda moito por resolver no ámbito cultural. A lei Sinde-Wert, a esperada lei de mecenado, a presenza practicamente nula da cultura no sistema educativo (e menos aínda coa nova LOMCE), o IVE, as dificultades para poder levar a cabo proxectos innovadores e cunha gran potencialidade… En fin, unha gran lista que non fai máis que destruír a un sector que podería absorber unha cantidade importante de persoas, e sobre todo mozas e mozos, que actualmente están sen traballo.

      A sociedade debería reflexionar sobre a función da cultura no noso mundo. Imaxinemos un mundo sen música, sen arte, sen literatura, sen linguas, sen cine, sen teatro… Exercitemos a nosa creatividade ante os ataques dos que non teñen imaxinación.



Iago Hermo

martes, 10 de diciembre de 2013

#PrimariasEQUO para as Eleccións Europeas!

Seguramente saberás que o vindeiro 25 de maio temos unha cita electoral importante: as Eleccións Europeas.
Son unhas eleccións fundamentais xa que no actual contexto político, no que parece que Europa deu as costas á cidadanía, é vital poder oir a voz da xente que pide unha Europa diferente, realmente democrática, social e sostíbel. Unha Europa que rescata ás persoas.

O novo partido político @Equo (www.partidoequo.es) está a elixir xa aos seus candidatos para estas Eleccións cruciais, e o fai a través dunhas Primarias Abertas á cidadanía. Unhas primarias sen trucos, con listas abertas e sen candidaturas oficiais. Só persoas elixindo persoas.

Dende a Rede Equo Xove e EQUO en xeral, animámosvos a participar nesta revolución democrática. É moi doado. Tedes que apuntarvos antes do xoves día 12 de decembro (se queredes participar nas dúas roldas das primarias, é dicir, en todo o proceso) nesta web: https://unete.partidoequo.es/primarias/. Vaivos levar só uns minutos e a cambio seredes protagonistas desta nova forma de facer política. E, por suposto, sen esquecer que tamén vós podedes ser candidatos de EQUO. Na mesma web explícanvolo.

Anímate, imos demostrar entre todos que queremos que as cousas comecen a funcionar doutra forma. ¡Sede os protagonistas da revolución democrática!

En EQUO non só falamos, senón que tamén:

#Facémolo (#LoHacemos)
#PrimariasEQUO
#Pásalo, en galego ou castelán.

A maiores, se queredes estar informados dos candidatxs que se teñen presentado, acudide á seguinte web:

http://ecologiapoliticaxxi.wordpress.com/2013/12/05/candidatos-primariasequo/



domingo, 1 de diciembre de 2013

NUNCA MÁIS

Hoxe, día 1 de decembro de 2013, convocáronse protestas en diversas cidades de Galicia contra a sentenza do "Prestige", tal e como recollen varios medios de comunicación (http://www.cadenaser.com/espana/articulo/miles-personas-manifiestan-mais-sentencia-prestige/csrcsrpor/20131201csrcsrnac_4/Tes)

Pero poñámonos en antecedentes. O desastre do Prestige aconteceu un 13 de novembro de 2002, 11 anos atrás, cando este petroleiro, portador de 77000 toneladas de fuel, afundiu fronte á Costa da Morte, concretamente a 250 km dela. Isto deu lugar a unha das maiores catástrofes medioambientais, non só a nivel galego, senón a nivel europeo e na historia da navegación. A marea negra provocada estendeuse ao longo de Portugal, Galicia e Francia. A nivel económico, supuxo o terceiro accidente máis custoso da historia, superando os 12000 millóns de dólares.

A tripulación formábana 27 persoas ademáis do capitán, Apostolos Mangouras, mariñeiro grego de 67 anos, que substituía a Efstrapios A. Kostazos, quen renunciara á viaxe polo mal estado do barco. Tres hipóteses xurdiron como causa do accidente, unha expresada polo propio capitán (un golpe externo a causa duns troncos que outro barco perdera do seu cargamento). Por outro lado, o desprendemento de pranchas do casco do buque era tamén posible. A terceira e máis aceptada foi que a rotura de casco era causa da fatiga dos materiais ante os envites do mar. O barco, como dixera Kostazos, atopábase en moi mal estado; fora reparado sen moito éxito en dúas ocasións (unha en China, onde era necesaria substituir 1000 toneladas de aceiro e só foron substituidas 282) e fora sancionado en Nueva York e Rotterdam por erros de seguridade. A Asociación Española de Operadores de Productos Petrolíferos vetárao. Segundo declaracións do director técnico da armadora grega Universe Maritime, o destino do barco era ser despezado, pero fóralle encomendada unha última viaxe. Efectivamente, foi a última.

O impacto medioambiental da marea negra, como xa se mencionou, foi tremendo, afectando a diversas localidades e paraxes, por exemplo, o Parque Nacional das Illas Atlánticas en Galicia (capitaneado polas Cíes). Estimouse que a vida mariña sufriría durante dez anos cando menos, alternando acumulacións tóxicas co envelenamento de plancto e efectos canceríxenos ou mutaxénicos. O número de aves afectadas estímase sobre unhas 250000. A nivel mariño, moitos animales apareceron varados na costa. As actividades pesqueiras e marisqueiras víronse seriamente comprometidas. O impacto social e sobre a saúde humana foi enorme tamén, polo que as medidas de seguridade para os voluntarios de limpeza eran fundamentais, desaconsellando estas labores a embarazadas ou persoas con enfermidades respiratorias crónicas.

A cronoloxía dos feitos pódese ler detidamente na páxina mesmo da Wikipedia, onde as dúbidas e decisións non fundamentadas tomaron o mando. O goberno do momento, capitaneado por Aznar, Rajoy (e Fraga a nivel galego) defendeu a xestión desenvolvida. Algunhas das frases máis controvertidas, tanto deles como doutras persoas ou colectivos, foron as seguintes:

"Trátase de manchas localizadas" ou "Saen uns pequenos fíos, catro en concreto, regueiros con aspecto de plastilina" Mariano Rajoy (Novembro e decembro de 2002).
"Indingación dos traballadores de RTVE polo tratamento informativo dos contidos acerca da catástrofe, cando os informativos da Televisión e Radio públicas negaron e ocultaron os danos causados, así como as gravísimas repercusións. Sentimos a necesidade de pedir perdón." Comité de traballadores de RTVE.
"... as dificultades que o Goberno Central e a Xunta de Galicia están poñendo por diante aos xornalistas para informar sobre as circunstancias do accidente..." Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
"A falta de implicación dende o primeiro momento de Manuel Fraga, Carlos del Álamo, Jaume Matas, Álvarez Cascos, Aznar ou Mariano Rajoy" Diversas entidades. Cabe destacar que Fraga marchou de caza, o ministro de fomento Cascos esquiaba en Serra Nevada... Fraga acudiría oito días despois da catástrofe, e Aznar non acudiría ata un mes despois e só para un período de 3 horas.
"O rumbo errático que seguiu o petroleiro remolcado, e o descoñecemento dos ventos e correntes dominantes do noso mar, sorprenden pola grande ineptitude alcanzada polo responsable de dar ordes" Colectivo de Xeógrafos da USC.

Unha vez visto todo isto, o proceso xudicial foi moi moi longo, de 11 anos, con 5 xuices involucrados da Audiencia Provincial de A Coruña. Como acusados figuraban, dos múltiples que calquera puidera imaxinar, o capitán, o xefe de máquinas, outro mando do buque e o exdirector da Marina Mercante Xosé Luís López Sors. O 13 de novembro resolveuse todo cunha única condena, a do capitán, por desobediencia grave ás autoridades españolas (9 meses de prisión). O petrolero endexamais debeu recibir os permisos para navegar, e as autoridades españolas non conseguiron definir e poner no banquiño aos responsables por esta banda (American Bureau of Shipping, Universe Maritime, etc). 30 foron os millóns de euros que España tirou polo retrete intentándoo.

Dende a Rede Equo Xove observamos isto coa máxima das indignacións. Como galegos, como activistas, como reivindicadores, como defensores do medio ambiente, como xente solidaria que coñece e recoñece o esforzo dos tantos voluntarios e voluntarias que viñeron a Galicia (e de Galicia) a limpar un chapapote do que non tiñan culpa ningunha. ¿Asunción de responsabilidades? Para nada. ¿Erros? De outros. O Estado Español quedou totalmente liberado de culpabilidade, incluido o director da Mariña Mercante, considerado víctima dun desastre que tratou de solventar. É a primeira vez que o Estado queda eximido de toda responsabilidade penal e civil ante un accidente causado por un petroleiro en augas españolas. Para o tribunal, houbo "falta de rigor na xestión administrativa e formal desta crise, pero non se demostrou que tivese incidencia no agravamento de catástrofe". "Todas as decisións foron conscientes, meditadas e en gran parte eficaces dentro do desastre, foi xestionado todo con profesionalidade".

Nunca Máis (plataforma nacida trala catástrofe), a Xunta, a fiscalía... recorrerán a sentenza. Só Aznar é optimista, argumentando que a manipulación á que foi sometida o goberno caeu ao chan. Saquemos cada un as nosas propias conclusións.

Por parte da Rede Equo Xove tamén nos preguntamos se se están a tomar as medidas necesarias para que unha catástrofe natural destas características non volva acontecer. ¿Serviron para algo estes once anos, tódalas catástrofes anteriores? ¿Hai xente especializada e preparada para a xestión destas crises? A cidadanía galega sigue en pé, maniféstase e tanto nós como EQUO Galicia estamos aí, defendendo o que é noso fronte ás guerra de intereses á que sempre está supeditado o medio ambiente. Porque sempre acaba pagando aquel que non pode defenderse, temos que defendelo máis que nunca os que podemos. Os que podemos e queremos, claro está.




Roberto Carro Vázquez