viernes, 23 de agosto de 2013

A PEOR PROPAGANDA POSIBLE

Non foi ata 1993 cando a homosexualidade deixou de ser considerada como “ilegal” ou “crime” en Rusia. Sen embargo, isto non supuxo a aceptación das persoas, organizacións, etc. homosexuais, nin de inmediato nin co paso dos anos, polo menos pola maior parte da poboación do lugar. Algúns feitos que o amosan son os seguintes:

  1. A demolición dunha capela en Nizhni Nóvgorod cando un cura pertencente á Igrexa Ortodoxa Rusa casou a unha parella gay alí. Por suposto, foi expulsado desta Institución.
  2. A prohibición da marcha do “Orgullo Gay” de Moscú, dende 2006 en adiante.
  3. A prohibición da chamada “propaganda homosexual” cada vez en máis e máis rexións ata a situación actual, dende que en 2006 a rexión de Óblast de Riazán tomara a iniciativa.

 (A noticia nos xornais españoles-
 Imaxe tomada de aflordepiel.wordpress.com )
En xuño deste ano, a Duma rusa aprobou con 436 votos a favor (de entre os 450 deputados da cámara) a lei que permite sancionar a información sobre “relación sexuais non tradicionais”, nas que se inclúe a homosexualidade, a pesar de que non queiran nin mencionar a palabra para non darlle bombo. Está prohibido tamén defender que estas teñen o mesmo valor social que as consideradas como “apropiadas” ou “normais”.  De feito, pódese chegar a situacións como a persecución de persoas do mesmo sexo que paseen da man en lugares onde os nenos o poidan apreciar, debido á imprecisión da lei, tal e como informa “El País”. Sen embargo, xa houbo xente que cruzou unha liña máis na persecución á poboación homosexual: destacan algúns grupos de extrema dereita e organizacións neonazis como “Occupy Pedofilyaj”, na cal algúns dos seus membros provocaron a morte dun rapaz, incapaz de recuperarse da tortura á que foi sometido.

Atendendo a estes feitos, as críticas contra o goberno ruso disparáronse, e a política despregada polo goberno de Putin neste eido foi seriamente cuestionada. Ademais, a celebración do Mundial de Atletismo en Moscú, e as reaccións e manifestacións nel dalgúns atletas (como a sueca Emma Green) cruzaron as fronteiras moscovitas, chegando incluso a cuestionar a adxudicación dos Xogos Olímpicos de Inverno do ano que vén en Sochi, Rusia.
Dende a Rede Equo Xove non podemos deixar de sentirnos abraiados ante esta situación, a cal rexeitamos de pleno, e que acontece nun país do considerado “Primeiro Mundo”. Era lóxico que polo menos dende o noso país, pioneiro por unha vez en algo tan positivo como a aceptación LGTB,  puidésemos oír voces discordantes altas e claras, así como dende outros moitos. A defensa da liberdade e non discriminación ante a orientación sexual é un piar básico na nosa ruta cara a igualdade social, dereito que toda persoa debe ter asegurado. Así pois, a propaganda que Rusia ondea cal bandeira contra a homosexualidade, e polo tanto contra a tolerancia, parécenos moito más grave e censurable que o que o goberno de Putin pretende simular invisible, é dicir, a existencia de non unha, senón varias tendencias ou orientacións sexuais perfectamente respectables e a ter en conta. Cando os nenos pequerrechos tapan a cara coas mans para esconderse, pensando que así non os veremos, rimos, porque é algo tan infantil, tan deles… A ningún adulto se lle piden que se esconda ocorreríaselle facelo desa maneira. Preguntámonos pois que pode pensar o goberno ruso para que crea que lle vai funcionar neste intento de ocultar non só a existencia, senon tamén en moitos casos a felicidade das parellas homosexuais. ¿Que dano lle fixeron? E é que resulta que nunca o feito de esconder algo fixo que deixara de existir (e ademais neste caso, todos sabemos xa que existe).

Desgraciadamente, Rusia non é nin un caso illado nin é o peor. Son moitos os países que a día de hoxe perseguen a homosexualidade, chegando incluso a estar penada coa morte. Así pois, o traballo que dende todas as asociacións LGTB se realiza para camiñar cara a normalidade é de grande importancia, e por suposto é apoiado, valorado e compartido pola Rede Equo Xove. En definitiva, miramos cara ao horizonte, un horizonte no que estas diferencias non supoñan ningún problema, no que chova e faga sol ao mesmo tempo e, polo tanto, o arco da vella poida brillar sen timidez ou vergoña.




Roberto Carro Vázquez

No hay comentarios:

Publicar un comentario