martes, 1 de octubre de 2013

A REFORMA DAS PENSIÓNS DO PP ATENTA CONTRA A MOCIDADE

Rede EQUO Xove quere mostrar a súa oposición a reforma das pensións do PP. Queda moi lonxe para poder gozar delas, sen embargo, atenta sobre todo contra os dereitos da mocidade. Aquí explicamos brevemente os por que:
A reforma que ten presentado o Goberno de Rajoy sobre as pensións introduce un Factor de Sustentabilidade e outro de Revalorización. Estes son os dous piares básicos da reforma;
- Factor de Sustentabilidade: vincula á esperanza de vida. Actualmente aplícase noutros países europeos. Os parámetros son: cotización, idade de retiro, importe inicial da pensión… Afecta ao futuros xubilados.
- Factor de Revalorización: Pretende desvincular a revisión anual das xubilacións da evolución do IPC e darlle máis importancia á evolución da economía, ao déficit público e aos gastos da Seguridade Social. Ademais, establécese un mínimo de 0.25 puntos cada ano de revalorización, moi inferior á media do IPC dos últimos anos, dun 2%-3%. O máximo para etapas de crecemento será o IPC +0.25 puntos, o que non compensará nas etapas de crecemento as perdas de poder adquisitivo.
Este cambios entrarán en vigor entre o 2014 e o 2019, cando os expertos ‘independentes’ piden que sexa o máis rápido posible.

Que supón esta reforma e estes piares?
Unha clara diminución dos dereitos dos pensionistas e unha profunda perda de poder adquisitivo. É certo que a reforma non fala de rebaixas en termos  absolutos das pensións, pero o escaso aumento das pensións (por debaixo do IPC) supón unha clara baixada en termos relativos. É dicir, as pensións baixan.
Ademais, e coa escusa de sempre (crise), aprovéitase a actual conxuntura  para facer unha reforma estructural. 

Era necesaria esta reforma?
Ben é certo que a sociedade española non é a mesma hoxe que hai trinta anos nin será a mesa no futuro, pero os alarmismos do PP non corresponden coa realidade. Velaquí uns datos:
- O Fondo de Reserva ten 60.000 millóns para utilizar en caso de déficit.
- O número de poboación activa (traballando) é superior ao de pensionistas (16.5 millóns fronte a 9 mill de pensionistas)
- O gasto de España en pensións é do 10% do PIB, moi inferior ao 14% do PIB de países como Italia ou Francia. Estamos por debaixo da media da UE.
- A reforma non fala dun aumento dos ingresos, só busca reducir os gastos.

IDADE XUBILACIÓN
Non só temos que mirar as pensións. Cómpre lembrar que o Goberno socialista, no seu último ano no poder elevou a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e elevou tamén os anos que se temos que ter cotizado para cobrar o 100% da pensión: dos 35 aos 38.5 anos.
Como imos alcanzar os 38.5 anos cotizados se hai máis dun 60% de paro xuvenil? Como imos alcanzar ese anos cos empregos temporais, precarios, cos bolsas…?
A maior parte da mocidade que traballa é a través de prácticas e bolsas, sen contrato e sen cotizar.

Sobre este tema, hai que lembrar a reforma que fixo o Goberno de Zapatero en funcións tras perder o poder: quitarlle as cotizacións aos estudantes con contratos en prácticas e só mantivo nese sistema aos licenciados e licenciadas. Isto supuxo unha  baixada de máis de 22.000 mozos e mozas do sistema de afiliación á Seguridade Social e a perda de cotización dun sector castigado polo alto paro. Os mesmos que nos pediron cotizar máis anos son os que dificultan que coticemos.
Tendo en conta o obxectivo principal do Goberno de forzar aos españois a contratar plans de pensións privados (por certo, os terceiros MENOS rendibles da OCDE) a RQX di NON á reforma das pensións e chama  a mobilizarse para defender os nosos dereitos. Non deixemos que o Goberno mingüe os nosos dereitos mentres da privilexios á banca.
Desde EQUO e a Rede EQUO Xove, pedimos unha reforma das pensións diferente na que se fortaleza o fondo público, desmontando a lenda sobre a necesidade de inversión en planes privados e regulando dita publicidade sobre estes. Temos que denunciar o alarmismo sobre a solvencia  do noso sistema público. 
EQUO defende un sistema público de pensión como un mecanismo de redistribución da riqueza e de afianzamento dunha vida digna para as persoas maiores.  Fortaleceremos o sistema contributivo e estudaremos complementalo economicamente coa tributación verde, para facelo máis seguro, con mellores pensións, con maior capacidade para atender casos baleiros de cotización, expulsión do mercado de traballo... 

Outras das nosas propostas son: 
-Aumentar o tipo máximo de cotización e acercar a cotización ao salarios reais.
-Xubilación aos 65 anos (máis alá, que sexa de forma voluntaria)
-Diminución das penalizacións por anticipala xubilación por despidos ou EREs. 
-Subida das pensións alo menos ata o SMI

Pablo Otero

martes, 27 de agosto de 2013

"REDE EQUO XOVE DENUNCIA UNHA NOVA PRIVATIZACIÓN DO CENTRO MUNICIPAL DE INFORMACIÓN XUVENIL"


  • Pablo Otero, membro da RQX en A Coruña, afirma que é unha acción na liña de todas as levadas a cabo polo PP nas distintas administracións nas que goberna.
  • É o último ataque perpetrado contra a nosa xeración, pola que o PP amosa diariamente non sentir ningún tipo de preocupación.

A RQX propón o impulso do CMIX, a recuperación do servizo público e pide a Negreira un aumento do orzamento do centro.



A organización política 
Rede EQUO Xove Galicia denuncia que a continuación da privatización do centro municipal de información xuvenil, moi empregado polas mozas e mozos da cidade non responde a outro motivo máis que o meramente mercantilista. O PP, no seu afán privatizador, como xa está amosando no resto dos servicios públicos como a educación ou a sanidade, chega tamén ao CMIX, sen importarlle o máis mínimo a perda de servizos e a peor calidade dos mesmos que traerá esta acción, a pesar dos 260.000 euros de orzamento.

En palabras da RQX, tampouco é o primeiro ataque das políticas do PP á mocidade, xa que temos que recordar tristemente como Núñez Feijoo, coa súa Lei de Mocidade, fixo desaparecer o Consello da Xuventude de Galicia, ou como Mariano Rajoy está facendo desaparecer o Consello da Xuventude de España.

"Tanto Negreira como os seus compañeiros de partido  deberían preocuparse máis polas cifras de desemprego xuvenil e pola fuga de cerebros que está a sufrir a sociedade española e menos por aniquilar os órganos de expresión da mocidade e os noso servizos públicos" afirma Pablo Otero.

"Se o PP tivera a máis mínima intención de solucionar os nosos problemas, debería sentarse coa mocidade para falar, xa que vivimos en primeira persona a problemática, ainda que xa sabemos que non é o seu estilo, como amosou o Ministro Wert dando plantón ó estudantado español en tódalas reunións do Consello de Estudantes do Estado, órgano que él mismo preside".


A Rede EQUO Xove quere mostrar a súa oposición as concesións a empresas privadas dos servizos públicos, fomentadas non só por parte do Partido Popular. A RQX propón o impulso do CMIX, a ruptura da concesión feita polo Goberno socialista e pide a Negreira un aumento do orzamento do centro.


A RQX Galicia é o referente xuvenil de EQUO Galicia, sexta forza política en Galicia tras as elección do 20N e membro de AGE. A RQX basea a súa acción política na ecoloxía política, a equidade social, os Dereitos Humanos e a democracia participativa.




Pablo Otero

viernes, 23 de agosto de 2013

A PEOR PROPAGANDA POSIBLE

Non foi ata 1993 cando a homosexualidade deixou de ser considerada como “ilegal” ou “crime” en Rusia. Sen embargo, isto non supuxo a aceptación das persoas, organizacións, etc. homosexuais, nin de inmediato nin co paso dos anos, polo menos pola maior parte da poboación do lugar. Algúns feitos que o amosan son os seguintes:

  1. A demolición dunha capela en Nizhni Nóvgorod cando un cura pertencente á Igrexa Ortodoxa Rusa casou a unha parella gay alí. Por suposto, foi expulsado desta Institución.
  2. A prohibición da marcha do “Orgullo Gay” de Moscú, dende 2006 en adiante.
  3. A prohibición da chamada “propaganda homosexual” cada vez en máis e máis rexións ata a situación actual, dende que en 2006 a rexión de Óblast de Riazán tomara a iniciativa.

 (A noticia nos xornais españoles-
 Imaxe tomada de aflordepiel.wordpress.com )
En xuño deste ano, a Duma rusa aprobou con 436 votos a favor (de entre os 450 deputados da cámara) a lei que permite sancionar a información sobre “relación sexuais non tradicionais”, nas que se inclúe a homosexualidade, a pesar de que non queiran nin mencionar a palabra para non darlle bombo. Está prohibido tamén defender que estas teñen o mesmo valor social que as consideradas como “apropiadas” ou “normais”.  De feito, pódese chegar a situacións como a persecución de persoas do mesmo sexo que paseen da man en lugares onde os nenos o poidan apreciar, debido á imprecisión da lei, tal e como informa “El País”. Sen embargo, xa houbo xente que cruzou unha liña máis na persecución á poboación homosexual: destacan algúns grupos de extrema dereita e organizacións neonazis como “Occupy Pedofilyaj”, na cal algúns dos seus membros provocaron a morte dun rapaz, incapaz de recuperarse da tortura á que foi sometido.

Atendendo a estes feitos, as críticas contra o goberno ruso disparáronse, e a política despregada polo goberno de Putin neste eido foi seriamente cuestionada. Ademais, a celebración do Mundial de Atletismo en Moscú, e as reaccións e manifestacións nel dalgúns atletas (como a sueca Emma Green) cruzaron as fronteiras moscovitas, chegando incluso a cuestionar a adxudicación dos Xogos Olímpicos de Inverno do ano que vén en Sochi, Rusia.
Dende a Rede Equo Xove non podemos deixar de sentirnos abraiados ante esta situación, a cal rexeitamos de pleno, e que acontece nun país do considerado “Primeiro Mundo”. Era lóxico que polo menos dende o noso país, pioneiro por unha vez en algo tan positivo como a aceptación LGTB,  puidésemos oír voces discordantes altas e claras, así como dende outros moitos. A defensa da liberdade e non discriminación ante a orientación sexual é un piar básico na nosa ruta cara a igualdade social, dereito que toda persoa debe ter asegurado. Así pois, a propaganda que Rusia ondea cal bandeira contra a homosexualidade, e polo tanto contra a tolerancia, parécenos moito más grave e censurable que o que o goberno de Putin pretende simular invisible, é dicir, a existencia de non unha, senón varias tendencias ou orientacións sexuais perfectamente respectables e a ter en conta. Cando os nenos pequerrechos tapan a cara coas mans para esconderse, pensando que así non os veremos, rimos, porque é algo tan infantil, tan deles… A ningún adulto se lle piden que se esconda ocorreríaselle facelo desa maneira. Preguntámonos pois que pode pensar o goberno ruso para que crea que lle vai funcionar neste intento de ocultar non só a existencia, senon tamén en moitos casos a felicidade das parellas homosexuais. ¿Que dano lle fixeron? E é que resulta que nunca o feito de esconder algo fixo que deixara de existir (e ademais neste caso, todos sabemos xa que existe).

Desgraciadamente, Rusia non é nin un caso illado nin é o peor. Son moitos os países que a día de hoxe perseguen a homosexualidade, chegando incluso a estar penada coa morte. Así pois, o traballo que dende todas as asociacións LGTB se realiza para camiñar cara a normalidade é de grande importancia, e por suposto é apoiado, valorado e compartido pola Rede Equo Xove. En definitiva, miramos cara ao horizonte, un horizonte no que estas diferencias non supoñan ningún problema, no que chova e faga sol ao mesmo tempo e, polo tanto, o arco da vella poida brillar sen timidez ou vergoña.




Roberto Carro Vázquez

sábado, 17 de agosto de 2013

A RQX MÓVESE

Boas tardes, queridos lectores. En primeiro lugar, é de recibo presentarse; somos a Rede Equo Xove, é dicir, a mocidade do partido EQUO en Galicia, representando unha alternativa para a xuventude de esquerdas que busca un mellor futuro para a nosa comunidade dende a base da equidade social, a rexeneración democrática e a ecoloxía.

Este blog nace coa intención de que nos coñezades, de que saibades o que defendemos, e de que nos visitedes sempre que quierades, tanto xente xove como algo máis velliña. Esperamos que gocedes léndoo tanto como nós escribíndoo, e esperamos tamén avanzar xuntos neste pequeno proxecto.

Por outro lado, deixámosvos aquí os enlaces máis importantes relacionados co partido, para que poidades curiosear canto desexedes:

A nivel nacional:
EQUO --> http://partidoequo.es/ (@Equo no twitter)
RED EQUO JOVEN --> http://redjoven.proyectoequo.org/ (@redequojoven no twitter)

Ademáis, podedes tamén estar informados das novas máis importantes a través do noso twitter, @RQX_Galicia, onde podedes seguirnos, e a través do twitter @EQUOGalicia.

Sen máis, damos o pistoletazo de saída e comezamos. Unha grande aperta!