domingo, 18 de mayo de 2014

Lingua bífida

17 de maio, Día das Letras Galegas, un día ao ano no que dende os poderes públicos, os centros de educación e culturais, colectivos e persoas individuais se fai homenaxe a un autor en lingua galega finado anos atrás. Este ano tócalle a X. M. Díaz Castro, autor de “Nimbos”, texto que a inmensa maioría da xente (o que escribe isto incluído) non leu. Sen embargo, calquera persoa observadora poderá ver como este día se virou dende hai moitos anos como unha data reivindicativa, na que manifestacións a prol da lingua recorren o país en contra das (anti)políticas lingüísticas levadas a cabo polo goberno de Feijóo.

Unha lingua que viviu de todo: dende unha época de esplendor sendo recoñecida e usada por reis incluso fóra de Galicia, unha longa época de escuridade na que o seu uso estaba desprestixiado e incluso prohibido, unha época de rexurdir que chegou con grandes autores como Rosalía de Castro, Cabanillas, Castelao, Manuel Antonio... Semella que o que millóns de galegos ao longo de máis de mil anos preservaron a pesares das circunstancias contrarias, está en perigo nas últimas décadas por unha nova xeración de galegos que ven na lingua algo morto, un elemento político ou incluso algo alleo.

Todas as actitudes citadas antes, e moitas máis, aínda que rexeitables, son comprensibles. Moitos son os que ven no galego algo morto polo feito de non ser falada máis aló das fronteiras de Galicia e proximidades e, polo tanto, non “servir” fóra das nosas fronteiras. Esta actitude, propia da globalización, fai que as dúbidas sobre a súa utilidade económica (que ten máis peso do que debía ter) se transformen en desleixo á lingua propia posto que “non che vale para ir polo mundo”. Esta visión do galego como algo “inútil” está morta dende o mesmo momento no que o noso parlamento galego descubriu, a través da ILP Valentín Paz Andrade, que a aprendizaxe, aproximación e aproveitamento doportugués (lingua cun nivel de semellanza alta co galego) son totalmente beneficiosas para Galicia e a aproximación da nosa lingua ao seu espazo lingüístico. Non quere dicir isto que esquezamos o galego para falar portugués, como algunhas voces din, senón que a nosa lingua por fin se volve achegar ao seu mundo, á lusofonía.

Outra crítica habitual que nas charlas informais e, a veces, oficiais, se fai sobre o galego é o feito de terse convertido nun “obxecto político”. E en parte é certo, nos últimos anos non facemos máis que ver como se asocia o feito de falar galego a ter ideas nacionalistas. Espallouse este prexuízo posto que habitualmente, os partidos que máis fincapé fan neste tema son os de tipo nacionalista como o BNG e demais. Sen embargo, unha lingua non pertence a un partido político, asociación, empresa, persoa, etc, senón a tódolos seus falantes. Como membro de EQUO, un partido de nivel estatal e europeo (dentro dos European Greens) considero non ser sospeitoso de nacionalista e, sen embargo, sinto o galego como algo meu, algo que me acompaña na miña vida, no meu día a día. A miña boca ábrese e fala en galego, as miñas mans moven un lapis, bolígrafo ou teclado e escribo en galego. Entón, é un obxecto político? Máis ben quíxose facer ver como tal, a pesar de que unha lingua nunca pode pertencer a ninguén máis que os seus falantes.

O elemento máis difícil de combater é o feito de sentir o galego como algo alleo. Poñamos un exemplo: como facer que un matrimonio que decide, polo motivo que sexa, non estar xunto, volvan quererse? Ou máis difícil aínda, como facer que unha persoa se namore doutra que non coñece ou que coñece moi pouco? Para estes exemplos similares a resposta é difícil. No primeiro caso, unha parella que se separa (un falante que abandona a lingua) só volverá no caso de que as diferenzas, os problemas e prexuízos que poidan ter desaparezan e volvan descubrirse mutuamente. No segundo caso, unha persoa que non se namora doutra (unha persoa que non quere saber nada do galego), só queda facerlle ver o fermoso da lingua, o grandísimo mundo que representa, as marabillas que nos agocha e agardar, agardar que esa persoa vexa cunha mirada limpa todo o que se lle amosa e queira saber máis, que queiraestar máis preto, así ata caer namorado.

Por desgraza o galego non vive un bo momento. O número de falantes diminúe día tras día, a súa presenza nos medios de comunicación é hoxe menor que hai décadas, o seu apoio por parte do goberno galego, presidido por Alberto Núñez Feijóo, retrocede e, o que é peor, moitos galegos xa non o senten coma seu. Contra isto hai esperanzas. Moitos son os exemplos de persoas, colectivos e incluso empresas que saíron adiante usando o galego e incluso potenciándoo (poñamos por exemplo o caso de R, ou os anuncios de Gadis). Neste punto parece claro que namentres non se potencie un uso comercial do galego (tanto nas empresas, nos medios de comunicación, no ocio e entretemento, etc.) este non conseguirá adaptarse aos tempos modernos e seguirá neste buraco negro.

Contra toda visión pesimista, nós traballaremos por, para e co galego, sen prexuízos e cunha perspectiva positiva e moderna, posto que consideramos que “se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma”.


Iago Hermo