martes, 1 de octubre de 2013

A REFORMA DAS PENSIÓNS DO PP ATENTA CONTRA A MOCIDADE

Rede EQUO Xove quere mostrar a súa oposición a reforma das pensións do PP. Queda moi lonxe para poder gozar delas, sen embargo, atenta sobre todo contra os dereitos da mocidade. Aquí explicamos brevemente os por que:
A reforma que ten presentado o Goberno de Rajoy sobre as pensións introduce un Factor de Sustentabilidade e outro de Revalorización. Estes son os dous piares básicos da reforma;
- Factor de Sustentabilidade: vincula á esperanza de vida. Actualmente aplícase noutros países europeos. Os parámetros son: cotización, idade de retiro, importe inicial da pensión… Afecta ao futuros xubilados.
- Factor de Revalorización: Pretende desvincular a revisión anual das xubilacións da evolución do IPC e darlle máis importancia á evolución da economía, ao déficit público e aos gastos da Seguridade Social. Ademais, establécese un mínimo de 0.25 puntos cada ano de revalorización, moi inferior á media do IPC dos últimos anos, dun 2%-3%. O máximo para etapas de crecemento será o IPC +0.25 puntos, o que non compensará nas etapas de crecemento as perdas de poder adquisitivo.
Este cambios entrarán en vigor entre o 2014 e o 2019, cando os expertos ‘independentes’ piden que sexa o máis rápido posible.

Que supón esta reforma e estes piares?
Unha clara diminución dos dereitos dos pensionistas e unha profunda perda de poder adquisitivo. É certo que a reforma non fala de rebaixas en termos  absolutos das pensións, pero o escaso aumento das pensións (por debaixo do IPC) supón unha clara baixada en termos relativos. É dicir, as pensións baixan.
Ademais, e coa escusa de sempre (crise), aprovéitase a actual conxuntura  para facer unha reforma estructural. 

Era necesaria esta reforma?
Ben é certo que a sociedade española non é a mesma hoxe que hai trinta anos nin será a mesa no futuro, pero os alarmismos do PP non corresponden coa realidade. Velaquí uns datos:
- O Fondo de Reserva ten 60.000 millóns para utilizar en caso de déficit.
- O número de poboación activa (traballando) é superior ao de pensionistas (16.5 millóns fronte a 9 mill de pensionistas)
- O gasto de España en pensións é do 10% do PIB, moi inferior ao 14% do PIB de países como Italia ou Francia. Estamos por debaixo da media da UE.
- A reforma non fala dun aumento dos ingresos, só busca reducir os gastos.

IDADE XUBILACIÓN
Non só temos que mirar as pensións. Cómpre lembrar que o Goberno socialista, no seu último ano no poder elevou a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e elevou tamén os anos que se temos que ter cotizado para cobrar o 100% da pensión: dos 35 aos 38.5 anos.
Como imos alcanzar os 38.5 anos cotizados se hai máis dun 60% de paro xuvenil? Como imos alcanzar ese anos cos empregos temporais, precarios, cos bolsas…?
A maior parte da mocidade que traballa é a través de prácticas e bolsas, sen contrato e sen cotizar.

Sobre este tema, hai que lembrar a reforma que fixo o Goberno de Zapatero en funcións tras perder o poder: quitarlle as cotizacións aos estudantes con contratos en prácticas e só mantivo nese sistema aos licenciados e licenciadas. Isto supuxo unha  baixada de máis de 22.000 mozos e mozas do sistema de afiliación á Seguridade Social e a perda de cotización dun sector castigado polo alto paro. Os mesmos que nos pediron cotizar máis anos son os que dificultan que coticemos.
Tendo en conta o obxectivo principal do Goberno de forzar aos españois a contratar plans de pensións privados (por certo, os terceiros MENOS rendibles da OCDE) a RQX di NON á reforma das pensións e chama  a mobilizarse para defender os nosos dereitos. Non deixemos que o Goberno mingüe os nosos dereitos mentres da privilexios á banca.
Desde EQUO e a Rede EQUO Xove, pedimos unha reforma das pensións diferente na que se fortaleza o fondo público, desmontando a lenda sobre a necesidade de inversión en planes privados e regulando dita publicidade sobre estes. Temos que denunciar o alarmismo sobre a solvencia  do noso sistema público. 
EQUO defende un sistema público de pensión como un mecanismo de redistribución da riqueza e de afianzamento dunha vida digna para as persoas maiores.  Fortaleceremos o sistema contributivo e estudaremos complementalo economicamente coa tributación verde, para facelo máis seguro, con mellores pensións, con maior capacidade para atender casos baleiros de cotización, expulsión do mercado de traballo... 

Outras das nosas propostas son: 
-Aumentar o tipo máximo de cotización e acercar a cotización ao salarios reais.
-Xubilación aos 65 anos (máis alá, que sexa de forma voluntaria)
-Diminución das penalizacións por anticipala xubilación por despidos ou EREs. 
-Subida das pensións alo menos ata o SMI

Pablo Otero